domingo, 14 de abril de 2013

A NOVELA DO SÉCULO XX

            Os xéneros literarios dende fins do s. XIX véñense enriquecendo por un proceso de, se se me permite a expresión, mestizaxe; veñen experimentando un proceso continuo de influenzas. Aquela definición que consideraba a novela como un xénero literario que “conta a historia dun personaxe conflitivo nunha sociedade en crise” (Lucàzs) parece que ficou cativa. A aparición do personaxe colectivo (Manhattan Transfer de John Dos Passos ou La colmena de Camilo José Cela); a novela de sensacións de Virginia Woolf, ou a irrupción da lírica no campo da narrativa (El cumpleaños de Juan Ángel de Mario Benedetti) impiden aceptar a definición proposta.

            Aínda menos descritiva despois de Cunqueiro ou García Márquez é a idea de Stendhal para quen: “a novela é un espello ao longo do camiño”, non hai espello capaz de reflectir unha realidade tan poliédrica e curvilínea, ao mesmo tempo, como a do s.XX.

            Poida que a desencantada definición de Cela: “La novela es todo aquello que así lo hace constar en el título” sexa a única coa que poidamos quedarnos.

            Durante a última centuria vanse producir, como xa apuntabamos, importantísimas innovacións que afectan a todos os campos da narrativa. Fronte ao uso case exclusivo do narrador omnisciente da novela anterior, apostarase polo narrador participante, así, por exemplo, un ou varios protagonistas contarán a propia historia como ocorre en Crónica de una muerte anunciada (García Márquez) ou Absalón, Absalón (William Faulkner). Afóndase no estilo indirecto libre, aparece o monólogo interior e a corrente de conciencia que de xeito tan salientable emprega Joyce no seu Ulises.

            Se a narración tradicional usa fundamentalmente a terceira persoa e, eventualmente, a primeira, neste período podemos atopar novelas escritas tamén en segunda persoa como en Carta de una descoñecida

             O tempo deixa de ser lineal e pasa a ter, seguindo os postulados do filósofo Bergson, máis importancia psicolóxica que cronolóxica. Son frecuentes as prolepses e as analepses, os comezos in media res, como podemos comprobar no celebérrimo comezo de Cien años de soledad (García Márquez):
           
“Muchos años después, (prolése), frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota (analepse) en que su padre le llevó a conocer el hielo.”


            As narracións poden, ademais, transcorrer en tempos moi breves Cinco horas con Mario (Miguel Delibes), Ulises (James Joyce), Tiempo de silencio (Martín Santos), utilizando unha técnica denominada “tempo lento”, o Ulises, por exemplo, é unha obra dunhas 800 páxinas na que se narran 24 horas da vida do seu protagonista, Leopold Bloom. Por contra obras como El escarabajo (Mújica Láinez) ou Orlando (Virginia Woolf) prolónganse ao longo de séculos. O tempo ademais pode incluso chegar a ir cara atrás. Na obra de Juan Rulfo Pedro Páramo, o protagonista vai na procura do seu pai, como el está morto, o encontro só se pode producir no pasado, de aí que se vexa obrigado a convivir cos espectros..

            O espazo pasa a ter non só un valor referencial, o lugar onde sucede a acción, a acadar un tamén simbólico, así o mencionado deserto de Comala ou Macondo son lugares míticos. O espazo pode incluso chegar a ser o elemento fundamental na estrutura dunha novela como sucede en Hijo de hombre, o texto de Roa Bastos, no que os sucesos só teñen como relación entre si que suceden no mesmo lugar. Italo Calvino en O barón rampante, caracteriza ao seu personaxe  porque pasa toda a súa vida subido ás árbores e se nega a baixar a terra.

  
            A realidade e a ficción conviven harmoniosamente, é doado atopar obras cunha compoñente realista na que aparezan elementos máxicos ou fantásticos, pensemos no Merlín de Cunqueiro, personaxe de orixe mítica pero inserto na cotidianidade das terras luguesas ou no Gregorio Samsa de A metamorfose (Kafka) convertido nun monstro insecto e convivindo coa súa familia.



            Os personaxes deixan de ser heroes e convértense en antiheroes ou polo menos en personaxes con lados escuros. Leopold Bloom, o Ulises de Joyce, é un mediocre alcoholizado que transita de bar en bar e a súa muller, Molly, lonxe de ser a fiel Penélope, está a agardar a marcha do seu home para consumar a súa infidelidade. Os detectives da novela negra non son dunha peza, así Sam Spade, o personaxe de Dashiell Hammet, por exemplo en O falcón maltés, é o amante da muller do seu socio e non dubida en entregar a muller que ama, Gregorio Samsa convértese nun insecto...

            Na novela tradicional podemos distinguir con claridade os personaxes principais dos secundarios; en cambio, algunhas novelas modernas como Manhattan Transfer (John dos Passos) ou La colmena (Camilo José Cela) non teñen como protagonistas a un só individuo concreto senón a un conxunto que funciona como tal, falamos así de personaxe colectivo.

            Outra característica salientable é a presenza dos finais abertos ou ambiguos como sucede en Primavera con una esquina rota (Mario Benedetti) onde a resolución dos conflitos entre os protagonistas queda en suspenso.

            Pero se hai unha característica que poida definir as narracións deste período é a súa complexidade e variedade estrutural. O argumento pasa a ser secundario e os aspectos formais adquiren moita importancia. O lector convértese polo tanto nun axente activo pois precisa recolocar toda a información para recompoñer a historia. A vida: instrucións de uso de George Perec é unha obra feita seguindo os parámetros dos puzles de coleccionistas, feitos de maneira artesán e con trampas deseñadas para equivocar a quen o resolva, Rayuela (Julio Cortázar), pódese ler dende o primeiro capítulo ata o último pero tamén con outra orde sinalada polo autor. 2666 de Roberto Bolaño (publicada xa no século XXI) é unha novela que son cinco novelas de estilos moi diferentes, unha delas é unha simple acumulación demoledora de textos forenses. El cumpleaños de Juan Ángel de Mario Benedetti é unha obra escrita en verso, Orlando de Virginia Woolf preséntanos un personaxe que é home durante séculos e pasa a ser muller nos seguintes, xogando coa identidade sexual e  a súa implicación social.

            Os temas da novela son enormemente variados, os fantásticos, a crítica social, o relato policial, a angustia existencial, o sexo, pero en moitas ocasións os temas aparentes convértense en símbolo de outros. Por exemplo en “Culpable descoñecido” o conto de Naguib Mafuz, o asasino en serie convértese nunha metáfora de Deus.


            En conclusión poderiamos afirmar que durante o século XX a novela convértese no xénero literario de máis éxito, que sufre unhas grandes transformacións estruturais e temáticas de grande riqueza, que obriga ao lector a unha grande implicación na lectura para desentrañar o misterio non só da acción  das estruturas que, a modo de quebracabezas, se lle presentan e que esta variedade de formas fan da novela un produto multiforme e difícil de definir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario